Friday 03 de May de 2024

A Banda Municipal de Música achégase aos barrios cunha semana de concertos nos centros cívicos municipais, con asistencia de balde


Entre o luns 6 e o venres 10, un cuarteto de clarinetes, un quinteto de metais e un quinteto de vento da agrupación actuarán en Palavea, Cidade Vella, Os Rosales, Monelos, Os Mallos, Castrillón, Monte Alto e San Diego

O Concello da Coruña organiza, desde este luns, unha semana da música nos centros cívicos municipais, con concertos da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), programación correspondente aos ciclos de Inverno e Primavera da agrupación, que comezou a mediados de xaneiro e abrangue un total de 43 actuacións neste primeiro semestre de 2023.

Baixo a batuta de Juan Miguel Romero Llopis, o director titular da agrupación, tres formacións da banda —un cuarteto de clarinetes, un quinteto de metais e un quinteto de vento— actuarán entre os días 6 e 10 de marzo en oito centros cívicos dos barrios da cidade: Palavea, Cidade Vella, Os Rosales, Monelos, Os Mallos, O Castrillón, Monte Alto e San Diego.

Todos os concertos serán gratuítos e abertos á cidadanía ata completar a capacidade prevista nos diversos recintos. “Esta serie de actuacións da Banda Municipal son unha excelente oportunidade de dar coñecer o traballo dunha agrupación excelente, que é unha peza esencial do patrimonio cultural e musical da cidade”, sinalou a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira.

“Con este ciclo de concertos mantemos o compromiso do Goberno de Inés Rey coa cultura e achegámola aos barrios, ampliando a súa difusión e contribuíndo a que a cidade figure como unha das máis activas de España en oferta cultural”, agregou.

O calendario dos concertos é o seguinte:
Cuarteto de clarinetes
● Luns 6 de marzo, as 19:00 horas, no CC Palavea.
● Martes 7 de marzo, ás 19:00 horas, no CC Cidade Vella.
● Xoves 9 de marzo, ás 19:00 horas, no CC Monelos.
● Venres 10 de marzo, ás 19:00 horas, no CC Os Rosales.
Quinteto de metais
● Martes 7 de marzo, ás 19:00 horas, no CC Os Mallos.
● Xoves 9 de marzo, ás 19:00 horas, no CC Montealto.
● Venres 10 de marzo, ás 19:00 horas, no CC O Castrillón. Quinteto de vento
● Mércores 8 de marzo, ás 19:00 horas, no CC San Diego.